Se xa conseguiches o teu agasallo de Nadal e estás desexando plantalo, estás no lugar correcto, aquí che amosamos como facelo do mellor xeito posible!
Antes de comezar, debes saber que o acivro (Ilex aquifolium) é un arbusto moi agradecido e doado de coidar unha vez que medra un pouquiño, mais cústalle algo xermolar e para iso haino que axudar, seguindo os consellos de embaixo:
- Deixa a semente un mínimo de 2 semanas e máximo de 3 meses metida en area dentro da neveira ou nun lugar fresco e afastado do sol.
- Somerxe a semente en zume de limón durante uns días (tamén podedes empregar leite ou outras substancias acedas).
- Deposita a semente nun recipiente que teña drenaxe (para non encharcar) con turba, area, cortiza de piñeiro ou outros substratos ben mesturados.
- Pon nun sitio quente e asollado e rega a diario.
Hai que ter paciencia porque ás veces as súas sementes tardan tempo en xermolar. Todo o bo se fai de rogar! Iso si, unha vez medrado, poderemos desfrutar del máis de 100 anos!