O ser humano penetrou nos recunchos máis remotos do seu planeta. Labrou os campos, cultivado plantas, domesticado animais. Fíxose á mar e capturou peixes para o seu alimento. Descubriu fontes de materias primas e enerxía e comerció cos produtos do seu traballo. Edificou casas, fábricas, palacios e igrexas. Cos medios da información e a comunicación chegou ata todos os demais homes da Terra. Construíu automóbiles e ferrocarrís, barcos e avións e, por último, as naves espaciais. Todas estas obras cambiaron a face da Terra. O mundo progresouse. Pero estes progresos desenvolveron á súa vez as súas leis propias; non sempre para ben da Humanidade.
Da Terra obtemos os recursos que precisamos para cubrir as nosas necesidades máis básicas, como alimentación, vestido, acubillo e transporte. Todo iso supón unha acción no ecosistema. Esta acción foi diferente ao longo da historia ecolóxica da Humanidade, sobre todo, despois da era industrial.
Os paneis ensínannos como o home utilizou os recursos que a natureza lle ofrece, ao longo da historia e que impacto puido producir no medio. Isto móstrase en dúas fotos contrastadas, en función dun maior ou menor desenvolvemento tecnolóxico.
Os grandes avances dos últimos tempos dotaron á especie humana dunha gran capacidade de modificación do medio, ao que utiliza para extraer os máximos beneficios.
No computador podemos seleccionar unha serie de impactos que o home exerce sobre o medio e obteremos información sobre as súas consecuencias e as posibles solucións que poderemos aplicar. Impactos como: choiva aceda, incendios forestais, actividades agrícolas, augas residuais, residuos, efecto invernadoiro, desaparición da vida natural, tráfico de especies, transporte de mercadorías por mar…
A auga contamínase cada día máis por residuos industriais, agrícolas, gandeiros, augas fecais, lixos domiciliarios e outras causas. Toda esta variedade de contaminantes produce efectos diversos, que van desde o aumento de turbidez ata o envelenamento e morte de seres vivos ou a produción de enfermidades infecciosas para o home.
As tapas teñen distintas imaxes de augas contaminadas. Ao levantalas podemos descubrir augas limpas.
O ruído é un conxunto de sons non agradables. A calidade do son que nos molesta máis frecuentemente é a intensidade. Esta mídese en decibeis (dB).
Mediante unha cámara e un micro situados na fachada do edificio podemos coñecer, en tempo real, a contaminación acústica que produce o tráfico urbano, as obras… Á dereita da pantalla (nun visor) aparece a cantidade de decibeis medida no exterior, a uns 8 metros de altura. Á beira temos un sonómetro que mide os decibeis producidos na sala, así poderemos comparar o ruído exterior co interior.
O oído humano é un detector especialmente sensible do son e ten unha marxe moi ampla de audición. Por iso o ruído dificulta a concentración e o rendemento de moitas persoas.
Os sons son capaces de evocarnos imaxes, sensacións, sentimentos, recordos e ideas. Nesta sala poderemos pescudar a intensidade de son que marca o sonómetro e saber que causas negativas ten o ruído.
Desde que existe vida na Terra houbo, polo menos, cinco extincións masivas, despois das cales, a vida recuperouse e apareceron novos organismos, pero moitas especies e grupos enteiros desapareceron para sempre. Hoxe reflexionamos sobre a posible acción do ser humano en acelerar o proceso.
Neste computador podemos obter información sobre as extincións naturais que ocorreron ao longo da historia da vida na Terra e tamén, as provocadas polo home. Ademais preséntanos unha listaxe de especies que están en perigo.
Aínda que non chegue a ser tóxico, un mal cheiro provoca desagrado, molestias respiratorias e alteracións psicolóxicas, entre outros efectos. Os cheiros provocados por diversas actividades (industriais, explotacións de gando, depuradoras, vertedoiros) constitúen un tipo de contaminación ambiental.
A través do cheiro tamén podemos detectar distintos tipos de contaminación. Presionando o botón e achegando o nariz habemos de adiviñar a que cheira. Ao pasar un tempo ilumínase unha fotografía que nos desvela que produce ese “fedor”.
Nos sistemas naturais, os refugallos duns organismos son aproveitados por outros, e desta maneira reutilízanse constantemente. Actualmente, a produción de desperdicios pola actividade humana é tan inxente que o equilibrio rompe e os ciclos naturais non son capaces de integralos.
Cada galego produce case 300 kg. de lixo por ano, o que presenta problemas de almacenamento e outros de contaminación.
Neste computador, mediante un test, podemos saber cal é o noso grao de coñecemento sobre a recollida selectiva de lixos. Posteriormente podemos xogar a clasificalas.
A participación activa dos consumidores no proceso de reciclaxe comeza coa separación dos refugallos no fogar. A maioría dos concellos dispón de colectores diferentes para que podamos introducir neles, de forma selectiva, os residuos que logo poderán reciclarse. Na planta de recuperación finalízase a clasificación. Despois se prensan en “paquetes” ou balas e envíanse a reciclar.
Os tres cubos, do centro da sala, móstrannos imaxes deses “paquetes” correspondentes a distintos tipos de residuos (vidro, teas, papel, metais…)
A enerxía solar é un enerxía renovable menos contaminante que o petróleo ou o carbón. Da enerxía solar aprovéitase a luz ou a calor. A luz pode ser recollida mediante células fotovoltaicas que a transforman en enerxía eléctrica. Esta é a chamada enerxía solar fotovoltaica.
Grazas á luz recibida polas placas solares xérase enerxía eléctrica que fai funcionar o tren. Se tapamos as placas solares, o tren deixará de moverse.
Os parques eólicos consisten en agrupacións de varios aeroxeradores, que utilizan a enerxía mecánica das aspas movidas polo vento para xerar enerxía eléctrica. O principal impacto ambiental prodúcese durante a súa construción, aínda que tamén se observan outros impactos na fase de explotación. Este tipo de enerxía é renovable e menos contaminante que o carbón e o petróleo.
Ao pulsar o botón sae aire do tubo que move as aspas do pequeno aeroxerador. A enerxía mecánica que se produce, é transformada en enerxía eléctrica que acende a lámpada.
Sen deixar de satisfacer as nosas necesidades, debemos buscar alternativas a moitos comportamentos habituais, de forma que ocasionemos o menor dano posible ao noso planeta. A nosa casa é o lugar onde máis consumimos e onde máis podemos economizar. Nela debemos adoptar medidas para aforrar auga, electricidade e combustible, para reducir refugallos ou para separar o lixo, co fin de que se poida reciclar.
Mediante un test poderemos coñecer o noso grao de responsabilidade con respecto ao medio ambiente, na nosa vida diaria.
A nosa historia e cultura están intimamente ligadas á natureza. Naturnova non quixo deixar de ofrecer aos seus visitantes a oportunidade de coñecela un pouco máis e, a tal fin, habilitou unha zona especialmente pensada para proporcionar elementos de consulta e estudo na área do coñecemento do medio. Contén unha ampla gama de información dispoñible en papel e soporte informático.