A Biosfera é a parte da Terra onde é posible a vida. Nela todo está interrelacionado. A atmosfera intervén no ciclo da auga e proporciona gases para a respiración e a fotosíntesis. As plantas proporcionan alimento e osíxeno aos animais. Estes producen dióxido de carbono, o cal é absorbido polas plantas. O chan contén nutrientes para as plantas. Os seres vivos, ao morrer, descompóñense e devolven ao medio os elementos que os compoñían.
Nesta sala explícase a importancia de todos os seus compoñentes: o aire, a auga, o chan e os propios seres vivos.
A presenza da Atmosfera é fundamental para que exista vida sobre a Terra: filtra o paso de radiacións prexudiciais para a vida (como os raios X ou os ultravioleta), protéxenos fronte ao impacto dos meteoritos, conserva a calor do Sol do mesmo xeito que o faría un invernadoiro, contén os gases imprescindibles para a respiración e a fotosíntesis, serve como medio para a transmisión do son e determina os cambios meteorolóxicos.
Os rexistros instrumentais do tempo teñen, no mellor dos casos, uns douscentos anos de antigüidade, pero fai só uns 50 que existe unha rede de estacións mundial que rexistra sistematicamente datos de temperatura, humidade e vento. Agora recibimos millóns de datos cada día, que se procesan a través de modernos sistemas informáticos.
Aquí temos os datos recolleitos na estación meteorolóxica automática situada na terraza do Centro Social. Grazas a unha serie de medidores envíanos información instantánea sobre velocidade do vento, temperatura, humidade, etc.
Meteosat son satélites meteorolóxicos desenvolvidos pola Axencia Espacial Europea. Trátase de pequenas lúas artificiais de tipo geoestacionario que envían continuas informacións sobre os contidos en vapor de auga das distintas capas da atmosfera, e das temperaturas da terra e do mar. Estes datos complementan os obtidos nas estacións de superficie.
Aquí recíbense as imaxes procedentes de Meteosat. Ademais podemos ver a evolución das nubes en distintos puntos do planeta. A maqueta é unha representación do satélite meteorolóxico Meteosat.
Queres ver o aspecto que tería a Terra se nela non existise auga? Con este xogo poderás hidratar a Terra ata alcanzar a situación actual. Coas túas propias mans arrastrarás a auga doce e salgada cara á Terra para conseguilo.
Cando a haxas hidratado ben poderás explorar diversos aspectos do noso planeta.
Os océanos son o punto de partida e de chegada do ciclo da auga sobre a Terra. O 97,3% da hidrosfera constitúeno os océanos. O resto está formado maioritariamente por ríos, lagos, glaciares, augas subterráneas e unha pequena parte presente na atmosfera ou formando parte da materia viva.
A maqueta representa o ciclo da auga: a evaporación da auga da superficie do mar, a formación das nubes que, posteriormente, descargan a auga en forma de choiva para formar lagos e ríos que devolven, finalmente, a súa auga ao mar.
Os tornados son bulebules que se estenden desde as nubes ata a superficie terrestre. Desprázanse rapidamente, cambiando de dirección de forma errática e causando unha gran destrución. Poden chegar a transportar polo aire coches, animais e ata nenos, pois o aire vira en espiral a enormes velocidades (crese que ata de 800 km./hora). Aquí vemos como se forma un tornado, un dos fenómenos atmosféricos máis violentos presentes na natureza.
Un ?quebracabezas?, cuxas pezas son os distintos continentes, serve para explicar os movementos das placas tectónicas. Os continentes non sempre estiveron coa distribución que vemos actualmente. Á dereita do quebracabezas vemos distintas fases polas que pasaron. Por exemplo, nalgún momento o continente africano e o americano estiveron unidos polo que podemos ver que as súas costas pódense encaixar.
A semiesfera móstranos as distintas capas da Terra: a máis externa é a cortiza, a continuación o manto e finalmente o núcleo.
A ?escultura? de granito indica a separación que se produce entre Europa e África con respecto a América cada 4 anos: uns 8cm…
Neste módulo temos 9 mostras de rocas que son importantes en Galicia, ben pola súa abundancia, o granito, ou por reunir características especiais como a eclogita galega que é estudada por científicos de todo o mundo. Estas son: granito, lousa, eclogita, esquisto, gneis, calcaria, lignito, arenisca, serpentinita. No computador podemos obter información sobre cada unha delas, localizalas nun sinxelo mapa xeolóxico e ver o seu micrografía (imaxe obtida con microscopio petrográfico). Nela distínguense os minerais que a compoñen.
A formación do chan comeza cando axentes meteorolóxicos (choiva, xeadas, etc.) e organismos sinxelos (líquenes, brións, etc.) actúan fragmentando a roca nai para formar unha capa de partículas. Sobre ela asíntanse vexetais máis complexos, cuxos restos pasarán a formar o que chamamos humus. Componse así a capa máis superficial do chan, denominada horizonte A. Simultaneamente, a roca nai séguese alterando en profundidade e fórmase outra capa, o horizonte C.
Todas estas fases podemos velas nunha maqueta e un esquema explicativo.
As características dos chans condicionan a presenza de especies vexetais concretas e determinan a aparición de comunidades específicas.
Tres maquetas representan tres chans de Galicia: un chan maduro, profundo, con tres horizontes diferenciados (A, B e C), e moi evolucionado, apto para que se asenten nel bosques de árbores caducifolios. Un chan novo, pouco profundo (cun único horizonte, o A) que permite o asentamento de vexetación de enraizamiento superficial e pouca altura, como a matogueira. E un chan de duna arenoso, no que as plantas son auténticas especialistas en resistir condicións adversas (a mobilidade do chan, a salinidade,…).
Sandbox virtual
Trátase dunha mesa virtual sandbox, tablets con contidos educativos e outros
elementos complementarios que xeran un espazo totalmente integrador. O
elemento estrela é a mesa interactiva, que incorpora unha fascinante
combinación de xogo tradicional e tecnoloxía. Con ela podemos modelar unha
paisaxe en relevo, proxectar un mapa topográfico de forma dixital e, por último,
incorporar auga, que seguirá os sucos marcados no modelado. Con esta
magnífica ferramenta poderemos explorar de forma intuitiva a relación entre
xeomorfoloxía e axentes atmosféricos, xogando nunha contorna máxica.
A maior porcentaxe de seres vivos localízase, aproximadamente, entre o 3.000 m. de altura e o 2.000 m. baixo a superficie do mar. Tamén se coñece a existencia de organismos a 3.000 m de profundidade, dentro da cortiza terrestre; outros viven mesmo a 8.400 m., no mar, e na atmosfera, atopáronse bacterias a 11.000 m. de altitude.
Ao mover a barra metálica aparece no monitor unha especie representativa de cada unha das cotas seleccionadas.
Dependendo do noso obxectivo podemos clasificar ao conxunto dos seres vivos de diferentes formas. Ademais das propostas por botánicos, zoólogos ou microbiólogos hai infinidade de posibilidades.
Nunha pantalla aparecen sucesivamente imaxes de diferentes especies, para darnos unha idea da enorme variedade de seres vivos que existen no planeta. Podemos facer que aparezan por grupos, segundo 5 clasificacións sinxelas: a do cociñeiro, a de Aristóteles, por tamaños, segundo o lugar onde viven ou a forma de locomoción.
A clasificación é a ordenación dos organismos en grupos baseándose nas súas semellanzas e diferenzas. Desta maneira todos os seres vivos pódense situar nunha árbore no que as raíces serían as orixes da vida. Os organismos máis antigos vanse separando en ramas que engloban as distintas categorías (reino, tipo, clase, orde, familia, xénero e especie), ata chegar á súa máxima diversificación na copa.
A través dun xogo no que se van dando pistas, podemos colocar a cada organismo no grupo que lle corresponda, segundo a clasificación actual dos seres vivos.
En áreas moi extensas da Terra pódense observar zonas nas que se repiten combinacións de organismos asociadas a espazos característicos: son os biomas.
Hai uns poucos biomas principais que se atopan distribuídos como fajas horizontais ao redor do mundo. Son: a tundra, a taiga, o bosque caducifolio tépedo, o bosque mediterráneo, o deserto, a pradería e o bosque tropical.
Neste módulo temos unha serie de pulsadores situados nun mapamundi que nos permitirán acceder a unha serie de imaxes dos grandes ecosistemas existentes na Terra.
A biodiversidade é a variedade de formas de vida existentes no noso planeta. É fundamental para funcións vitais dos ecosistemas como: a produción de osíxeno, auga e nutrientes, o tratamento de residuos, a limpeza do aire e da auga e a regulación do clima.
Neste xogo de computador temos 4 ecosistemas: 2 terrestres (duna e bosque de ribeira) e dous mariños (substrato rochoso e substrato arenoso). Habemos de colocar unha serie de especies en cada un deles ata conseguir saber cal é o que presenta maior biodiversidade.
As migracións son unha das adaptacións máis sorprendentes dos animais. Reguladas sobre todo polos ciclos reprodutivos da especie, a dispoñibilidade de alimentos, a duración do día, o cambio nas condicións químicas da auga, etc., repítense anualmente con poucas variacións.
Ademais das aves e algúns peixes e insectos, as baleas e as tartarugas mariñas son outros dos animais que realizan migracións de longa distancia.
Pulsando un botón podemos ver a ruta migratoria dunha determinada especie e na pantalla do computador obtemos información sobre ela.
As relacións entre os seres vivos poden ter lugar entre membros dunha mesma especie, en grupos familiares ou sociais, ou tamén entre individuos de distintas especies. Algunhas destas últimas supoñen comportamentos como o dos peixes pallaso que se esconden entre os venenosos tentáculos dunha anemone e a cambio protéxena contra algúns dos seus depredadores, algas e fungos que viven xuntos formando un liquen, entre outras.
Os marcos cadrados colocados nas barras teñen nunha cara unha foto dunha desas relacións e na outra unha frase que a explica.
Todos os seres vivos que poboan un ecosistema están unidos por relacións alimenticias. O conxunto destas relacións constitúe as cadeas tróficas, que poden organizarse segundo unha xerarquía composta por un pequeno número de niveis: os produtores, os consumidores primarios, os consumidores secundarios e os descomponedores.
Aquí hai tres redes tróficas. Na punta da frecha vai o depredador e detrás a presa. Ao presionar o botón verde acéndese unha luz vermella que nos indica que habemos de adiviñar que ser vivo falta neste lugar da cadea.
Todos os ecosistemas teñen un estado de equilibrio que se altera facilmente por modificacións das condicións do medio ou pola eliminación dalgún dos seres vivos que o compoñen. Neste xogo podemos elaborar un ecosistema á carta: seleccionamos os individuos e a cantidade de cada un deles. Posteriormente pulsamos na calculadora e aparece unha gráfica que indica o tipo de futuro que lle espera ao ecosistema que creamos e a cada unha das especies que o compoñen: unhas diminuirán en número de individuos e outras aumentarán…