Que é Naturnova?

Vesti

Naturnova é un Centro Interactivo de Educación Ambiental aberto ao público desde o 5 de xullo de 2003. Trata de presentar de forma clara e resumida o noso medio ambiente, un mundo repleto de curiosidades, a todas aquelas persoas interesadas en darlle a man a algo tan atractivo como é a Natureza.

O seu principal obxectivo é estimular o coñecemento do mundo que nos rodea e a difusión da súa importancia, co fin de que aprendamos a valoralo, respectalo e querelo. Ninguén quere aquilo que descoñece.

Permite ao visitante, a través de módulos interactivos, explorar moitos e variados temas dunha forma activa e lúdica. A información preséntase mediante imaxes virtuais, obxectos, cheiros, recreación de ambientes, mapas… Todo iso axuda a descubrir facilmente o noso mundo desde o global, ata o máis próximo a nós.

O percorrido comeza cunha visión do Universo, a nosa galaxia e o sistema solar para introducirnos, a continuación, no noso planeta. Del coñeceremos todos os elementos que condicionan a vida (o solo, a auga, o aire…) e tamén aos seres vivos cos que compartimos o noso espazo. Finaliza coa relación do ser humano co medio: como utiliza os recursos, como afecta a contorna ao usalos, e como, actualmente, trata de solucionar os problemas que ten creado.