Día Mundial da Vida Salvaxe 2017

Día Mundial da Vida Salvaxe 2017

Listen to the Young Voices

Erguémonos, duchámonos, quentamos o leite no microondas e preparámonos para un novo día. Collemos o bus e, avanzando por camiños negros de asfalto, chegamos a ese gran bloque de formigón onde realizamos as nosas tarefas diarias.

Co aumento da vida urbana en Occidente, os seres humanos vivimos cada vez máis inmersos nunha burbulla que nos illa dunha das realidades que nos acompañou dunha forma omnipresente ao longo de toda a nosa andaina como especie, a Natureza.

Hoxe, día 3 de Marzo, celébrase o Día Mundial da Vida Salvaxe, un día que nace co obxectivo de lembrarnos esa desconexión progresiva co resto de individuos que habitan ao noso redor culpable de realidades tan sanguentas como a caza ilegal e o tráfico de especies. Nesta quinta edición, a ONU quere poñer o acento na xente nova, nesas voces que reclaman o seu papel nun mundo presente que constituirá o seu mundo futuro.

Desde a nosa experiencia en Naturnova podemos corroborar a gran cantidade de ideas e novos puntos de vista que a xente nova pode achegar na acción a favor da Natureza. É por iso que, desde o noso centro, e uníndonos á mensaxe das Nacións Unidas (#ListenToTheYoungVoices), reclamamos unha maior atención para que as súas voces sexan escoitadas e tidas en conta.

Ademais, dirixímonos tamén á xente máis nova para pedirlles que non deixen de informarse, actuar e opinar. Reclamade o voso dereito para achegar o voso granito de area e non deixedes de defender a vida salvaxe!

Queres saber máis sobre o Día Mundial da Vida Salvaxe? Coñecer mellor que podes facer pola natureza hoxe mesmo? Fai click  na ligazón e descubre moito máis na páxina oficial do Día Mundial da Vida Salvaxe 2017 (en inglés).

E se queres aprender máis sobre a Natureza, por que non pasar un sábado pola tarde por Naturnova? Unha viaxeciña polo fondo da ría de Vigo no noso submarino sempre senta ben 😉