Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

Cada 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller y da nena na Ciencia que reivindica o papel das científicas. Aínda quedan obstáculos por derribar para que máis mulleres teñan acceso ás carreiras STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas).

Desde Naturnova queremos destacar 5 de moitas delas.

ÁNGELES ALVARIÑO

Nace nunha pequena vila costeira de Galicia en 1916, e actualmente é unha referente da Oceanografía a nivel mundial. Foi unha das primeiras mulleres en formar parte dun equipo de investigación do Instituto Español de Oceanografía de Vigo e atribúeselle a descuberta dunhas 22 especies planctónicas, o seu campo de estudo por excelencia. Ademais, en 1953 xa se convertería na primeira muller en participar nunha expedición oceanográfica a bordo dun buque británico. Actualmente, a ciencia rendeulle homenaxe nomeando determinadas especies na súa honra, coma o caso da hidromedusa Lizzia alvarinoae, ou desde o Instituto Español de Oceanografía, que nomeou un dos seus buques de investigación Ángeles Alvariño.

ISABEL ZENDAL

Segundo a Organización Mundial da Saúde foi a primeira enfermeira en participar nunha misión internacional. Esta galega nacida nunha aldea coruñesa en 1771, foi un alicerce na Real Expedición Filantrópica da Vacina. Era a única muller e enfermeira a bordo, encargada do coidado dunha vintena de nenas e nenos, que faría chegar a vacina da varíola por primeira vez a países coma México, Filipinas e Cuba, entre outros. 

Desde 1974 o goberno de México concede o Premio Nacional de Enfermería Cendala Gómez no seu honor.

ALICE BALL

Nace en 1892 en Seattle, Washington, cidade en que se gradúa en Química Farmacéutica e en Farmacia pola Universidade de Washington. A pesar de falecer ben moza, con tan só 24 anos, conseguiu desenvolver o tratamento máis efectivo contra a Lepra (ou enfermidade de Hansen) ata 1940. Ademais, foi a primeira muller e afroamericana en conseguir un mestrado en Química no College of Hawái. Actualmente nesta institución existe a bolsa Alice Augusta Ball, para estudantado graduado en Química, Bioquímica ou Microbioloxía.

MARÍA JOSÉ ALONSO

Esta catedrática de Farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, nacida en León en 1958, é actualmente unha das referentes en Nanomedicina e Nanotecnoloxía farmacéutica, sendo o seu labor determinante no desenvolvemento de tratamentos para enfermidades oculares, de diabetes e soriase, así coma métodos de actuación sobre células canceríxenas. Actualmente é a única muller no Top 10 internacional de investigación en Farmacoloxía e Toxicoloxía do Times Higher Education. En outubro de 2017 ingresou na Academia Nacional de Medicina de Estados Unidos (NAM), converténdose na segunda persoa española en acceder á institución «polas súas achegas pioneiras no desenvolvemento de nanotecnoloxías que permiten aos fármacos superar barreiras biolóxicas».

MARY JACKSON

A súa constancia e dedicación para lograr os seus soños convertérona nun modelo a seguir, non só como muller, senón tamén como profesional. Nace en 1921 en Virxinia, lugar onde desenvolve parte da súa vida e obtén a licenciatura en Matemáticas e Ciencias Físicas. En 1951 alistou na NACA (Comité Asesor Nacional de Aeronáutica, que máis tarde sería a actual NASA), onde traballou como matemática investigadora ata conseguir a súa titulación de Enxeñeira Aeroespacial, converténdose así na primeira muller afrodescendente enxeñeira na NASA. Finalizando a súa carreira, Jackson dedicouse a fomentar a contratación e o desenvolvemento da muller na NASA desde a Oficina de Programas de Igualdade de Oportunidades e Discriminación Positiva.