Cando nos vemos?

Cando queiras! O noso Centro Interactivo de Educación Ambiental ten un amplo horario para visitas escolares para o curso 2016/2017 de setembro a xuño.

Ademais, tódolos sábados, de 17:30-20:30, abrimos ao público xeral co Reto de Pintafontes, unha actividade ideal para toda a familia, dende outubro a xuño, enmarcada na iniciativa Naturnova en familia.

Se es un grupo escolar ou un grupo maior de 10 persoas, lembra reservar, seguindo os datos de contacto facilitados nesta a nosa páxina. Goza con Naturnova!

E, se queres, síguenos e puntúanos 🙂

Vémonos no próximo curso escolar!!

Este sábado 24 de Xuño, Naturnova pecha as súas portas para público xeral ata o próximo curso escolar. Desde Naturnova queremos agradecer a todo o público que nos visitou este ano e esperamos a vosa visita pronto!

Pero se non nos visitaches tes aínda unha oportunidade as mañás de Xullo, con previa reserva. Pintafontes, a nosa mascota ten preparado un reto para que demostres os teus coñecementos polas salas do museo.

+info

  • Para máis información e reservas chama ao 986120088 ou mándanos un correo a naturnova@afundacion.org
  • Grupo mínimo de 10. O prezo da visita é de 1€ por persoa.
  • Do 22 de Xuño ao 19 de Xullo. Horario de 9.30 a 13.30

Xornada de portas abertas, Dia Mundial do Medio Ambiente

O 5 de Xuño, como cada ano desde 1973 celébrase o día mundial do medio ambiente. O obxectivo deste día é concienciar á xente da importancia de respectalo e coidalo. O lema deste ano é “Estou coa Natureza” e como país anfitrión Canadá. En Naturnova queremos celebralo como cada ano cunha xornada de portas abertas, polo que este sábado, día 10 de Xuño de 17:30-20:30 poderás vir gozar do noso Centro Interactivo de maneira totalmente gratuíta. Divírtete descubrindo os segredos dos planetas,  visualiza o funcionamento das enerxías renovables ou realiza unha viaxe virtual polo fondo da ría no noso simulador de submarino!

Esperámosvos este sábado día 10 de Xuño!

 

Para calquera consulta non dubides en chamarnos ao teléfono 986120088 ou en naturnova@afundacion.org

Día Internacional das Zonas Húmidas 2017

Humidal O Grove
O mar retírase do Complexo Intermareal Umia-O Grove

Tal día como hoxe, o 2 de febreiro do ano 1971, celebrábase na afastada cidade-balneario de Ramsar, en Irán, a coñecida como ?Convención Ramsar? co obxectivo de asegurar o ?uso racional? dos recursos presentes nos zonas humidas de todo o mundo.

Este momento coincidía no tempo cos primeiros pasos do movemento ecoloxista e coa toma de conciencia, por parte dos diferentes países, da importancia de manter a biodiversidade e de conservar aqueles ecosistemas de maior valor ecolóxico. As zonas húmidas, en todas as súas variantes (pantanos, marismas, pasteiros húmidos, ríos, lagoas, oasis, estuarios, etc.) representan unha fonte de recursos indispensable para moitas comunidades ao longo do mundo. Ademais, unha gran cantidade de especies animais, sobre todo de aves acuáticas, teñen o seu fogar nestas amplas zonas cheas de vida que presentan unha biodiversidade non igualada por ningún outro ecosistema.

No mundo hai, actualmente, un total de 2253 sitios Ramsar que abarcan unha superficie total similar a 4 veces a superficie de España. Máis preto de nós, en Galicia, podemos atopar 5 destas zonas, unha delas compartida con Asturias: a ría do Eo xunto coas de Ortiguiera e Ladrido, no norte; as Lagoas de Vilariño e, xa nas Rías Baixas, o chamado Complexo Intermareal Umia-Grove e a xa famosa duna de Corrubedo.  Con todo, a presenza de zonas húmidas no país é continua, aínda que gran parte deles non estean incluídos no Convenio.

O martiño pescador, as garzas, os somormujos e as cegoñas son só algúns dos representantes de a rica avifauna das nosas rías e lagoas. Xunto a eles, unha variada flora dá sustento a todo este ecosistema con especies de gramíneas ou ranunculáceas entre outras.

Martiño pescador
O martiño pescador (Alcedo atthis) By Pierre Dalous [CC BY-SA 3.0], via Wikimedia Commons
Hoxe, Día Internacional das Zonas Húmidas 2017, desde Naturnova queremos render homenaxe a estes ricos ecosistemas que nos rodean. Non dubidedes en darvos unha volta para visitalos!!

Día Mundial da Vida Salvaxe 2017

Día Mundial da Vida Salvaxe 2017

Listen to the Young Voices

Erguémonos, duchámonos, quentamos o leite no microondas e preparámonos para un novo día. Collemos o bus e, avanzando por camiños negros de asfalto, chegamos a ese gran bloque de formigón onde realizamos as nosas tarefas diarias.

Co aumento da vida urbana en Occidente, os seres humanos vivimos cada vez máis inmersos nunha burbulla que nos illa dunha das realidades que nos acompañou dunha forma omnipresente ao longo de toda a nosa andaina como especie, a Natureza.

Hoxe, día 3 de Marzo, celébrase o Día Mundial da Vida Salvaxe, un día que nace co obxectivo de lembrarnos esa desconexión progresiva co resto de individuos que habitan ao noso redor culpable de realidades tan sanguentas como a caza ilegal e o tráfico de especies. Nesta quinta edición, a ONU quere poñer o acento na xente nova, nesas voces que reclaman o seu papel nun mundo presente que constituirá o seu mundo futuro.

Desde a nosa experiencia en Naturnova podemos corroborar a gran cantidade de ideas e novos puntos de vista que a xente nova pode achegar na acción a favor da Natureza. É por iso que, desde o noso centro, e uníndonos á mensaxe das Nacións Unidas (#ListenToTheYoungVoices), reclamamos unha maior atención para que as súas voces sexan escoitadas e tidas en conta.

Ademais, dirixímonos tamén á xente máis nova para pedirlles que non deixen de informarse, actuar e opinar. Reclamade o voso dereito para achegar o voso granito de area e non deixedes de defender a vida salvaxe!

Queres saber máis sobre o Día Mundial da Vida Salvaxe? Coñecer mellor que podes facer pola natureza hoxe mesmo? Fai click  na ligazón e descubre moito máis na páxina oficial do Día Mundial da Vida Salvaxe 2017 (en inglés).

E se queres aprender máis sobre a Natureza, por que non pasar un sábado pola tarde por Naturnova? Unha viaxeciña polo fondo da ría de Vigo no noso submarino sempre senta ben 😉

Semana Santa en Naturnova

Queres vivir una verdadeira aventura en pleno centro de Vigo? Esta Semana Santa Naturnova abre as súas portas para que todos e todas poidades pasar una estupenda tarde en familia descubrindo os misterios máis fondos da natureza e do medio.

Marca xa no calendario os días 11, 12 e 15 de abril porque, de 17:30 a 20:30, tes unha cita co noso museo interactivo na rúa Velázquez Moreno. Un museo único na cidade no que poderás facer unha viaxe submarina, tocar unha nube ou adentrarte nas profundidades do Sistema Solar.

Se queres o plan perfecto para a túa familia non dubides en visitarnos. O noso Pintafontes ten un verdadeiro reto preparado para ti e aqueles que consigan superalo recibirán un estupendo agasallo á saída! Iso si, se sodes máis de 10 persoas, non vos esquezades de avisar no 986120088 ou no noso enderezo de correo, naturnova@afundacion.org,  para que vos fagamos prezo de grupo.

Esta Semana Santa esperámoste en Naturnova. Acompáñanos!

Perdiches as nosas actividades de Semana Santa?

Pois non te preocupes! Como levamos facendo os últimos 13 anos, o noso centro volverá abrir as súas portas ao público todos os sábados de 17:30 – 20:30 ata o final do mes de Xuño.

Ademais, ata ese mes, continuaremos coa actividade “Naturnova en Familia” para que os máis pequenos poidan demostrar os seus coñecementos ambientais e levar un estupendo agasallo do noso querido Pintafontes.

Para máis información non dubides en contactarnos tanto no teléfono 986120088 como por correo en naturnova@afundacion.org.

Moitísimas grazas a todos os que viñestes estas vacacións. Aos demais esperámosvos, como sempre, aquí, en Naturnova.

Atrévete a descubrir a Natureza dende unha nova perspectiva 😉